jueves 9 de julio de 2009

Conferencia de Xesús Alonso Montero na Feira do Libro de Vigo!



O venres 10 de xullo poderemos escoitar a Xesús Alonso Montero na Feira do Libro de Vigo, onde dará unha conferencia que versará sobre os seus dous libros máis recentes:


  • Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega publicado por la Editorial Galaxia, obra na que fai un repaso da vida e obra do escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas no seu papel de promotor da recuperación da cultura galega en plena dictadura franquista.
  • Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948), publicado por Edición Xerais de Galicia, volume no que se inclúen 108 cartas, 41 inéditas, remitidas ao autor a través sobre todo de familiares. O resto é unha miscelánea de signos escritos antes de morir, ás veces poucos minutos antes da execución.

Ademais de Xesús Alonso Montero, participarán na conferencia Manuel Bragado e Carlos Lema.

Lugar: Feira do Libro de Vigo

Horario: Venres 10 de xullo, ás 19.30 h.

Participa nesta tertulia literaria!

Máis información na páxina web da Editorial Galaxia

martes 7 de julio de 2009

Consulta en liña o Glosario da administración electrónica!

Xa que estamos na era dixital e como vos dixemos que mesmo o Xacobeo 2010 este ano vai estar presente nas principais redes sociais de Internet como Facebook, Tuenti, Flickr ou Youtube, hoxe ímosvos presentar un Glosario da administración electrónica en galego coas súas correspondencias en inglés.

Este Glosario da administración electrónica está editado pola Xunta de Galicia e pode consultarse en liña, o que en inglés se diría "on-line", anglicismo que non debemos usar na lingua galega, porque dispoñemos dun termo propio para designar o mesmo concepto.

Podemos ver algúns exemplos de uso na páxina web de Caixa Galicia:

"Se o desexa, antes de realizar a contratación en liña, pode consultar como se realiza a operación...!

"(... ) As tendas en liña, permítenlle facer todo isto en moi pouco tempo e sen moverseda casa. Podemos sinalar as principais vantaxes de mercar por Internet: (...)."

Animádevos a consultar en liña este glosario das novas tecnoloxías aplicadas á administración!

viernes 3 de julio de 2009

Camiño do Xacobeo 2010, apúntate como voluntario!

Como está preto o 25 de xullo, día do Apóstolo Santiago e día de Galicia, Galeteca inclúe varias seccións coa axenda dos actos culturais aos que podedes asistir dende hoxe ata o Xacobeo 2010.

Ademais informámosvos de que xa podedes ser voluntarios e apuntarvos nas listas que a Consellería de Cultura e Turismo abren este mes en todos os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago para así poderdes colaborar na organización do Ano Santo 2010 ou Ano Xacobeo 2010.

O programa de voluntariado para o Ano Santo 2010 estará aberto a todos, dende estudantes e persoas novas ata xubilados e inmigrantes con ganas de involucrarse no proxecto; a formación para os voluntarios virá da man da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Para o Xacobeo 2010 os peregrinos que percorran o Camiño de Santiago e os internautas poderán participar nunha rede social en liña propia do Xacobeo, pois como novidade o Xacobeo 2010 integrarase nas novas tecnoloxías e estará presente nas principais redes sociais existentes en Internet como Facebook, Tuenti, Flickr ou Youtube.
Visitade Galeteca para estar ao día de todo o que agarda por vós no Xacobeo 2010!

Máis información na páxina web da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

martes 30 de junio de 2009

Visita a exposición "Ramón Piñeiro na lembranza"!

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e mais a Fundación Caixa Galicia organizan conxuntamente a exposición "Ramón Piñeiro na lembranza".

A exposición "Ramón Piñeiro na lembranza" trátase dunha aproximación ao escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Ramón Piñeiro.

A exposición "Ramón Piñeiro na lembranza" é novidosa e orixinal pois Siro López fixo unha representación das facetas do escritor nado en Láncara a través de debuxos e pintura.

Por iso se che gusta a pintura, ven a Coruña e non esquezas visitala!

Lugar: Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia da Coruña.
Data: a partir do vindeiro xoves, 2 de xullo.

Máis información na páxina web da Fundación Caixa Galicia

martes 23 de junio de 2009

Polo San Xoán unha fogueira literaria en Gondomar!


Para celebrardes a noite de San Xoán convidámosvos a unha cita en Gondomar, onde Espazo Lectura celebrará o San Xoán con poesía, lume e contos, o que chaman a fogueira dos versos, en honor ao poemario de Antonio García Teijeiro.


A noite máis curta do ano vai ser longa en Gondomar, pois vai comezar con música a partir das 22.30 h., logo continuará cunha lectura de poemas ao redor do lume contra as 12 da noite e rematará cunha sesión de contacontos que fará o actor Santi Prego, que conseguirá que a noite sexa especial ao deleitarnos coas súas historias á luz da pequena fogueira.

Esta fogueira literaria conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Gondomar na que podedes participar todos con tal de que levedes comida para repartir e poemas en galego para ler!
Non vos perdades esta cita na noite máxica do ano...e meigas fóra!


Lugar: Casa da Lectura (Nogueira, 8 - Donas)
Horario: dende as 22.30 pm

Máis información na páxina web de Espazo Lectura.

lunes 22 de junio de 2009

Uso do indefinido "calquera"

Nesta ocasión, en Galeteca imos comentar algunhas particularidades acerca dun indefinido que pode presentar problemas de uso, estamos a falar de calquera:

  • Sempre ten a mesma forma, é dicir, mantense invariable (calquera), incluso cando vai seguido dun nome (non como en castelán, onde perde o -a: cualquier día, cualquier persona, etc.).

Así o comprobamos no uso de diferentes páxinas da web de Caixa Galicia:

" (...) Como en calquera outra operación que implique risco (...)"

" (...) dende calquera lugar, e a calquera hora do día (...)"


  • Nalgunhas zonas de Galicia emprégase a variante "calqueira" pero, sen dúbida, calquera é a forma máis usual en todo o territorio lingüístico galego; por iso é a forma escollida pola normativa da RAG.

jueves 18 de junio de 2009

Aprende galego na rede!

Hoxe en Galeteca presentámosvos dúas novas páxinas web que a Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de levar á rede para aprendermos galego.

Xoga con Fervello, é unha web dirixida aos máis pequenos da casa para que empecen a familiarizarse coa lingua galega. Esta web Xoga con Fervello resultaralles moi divertida e ao mesmo tempo didáctica.

Coa mesma intención a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de crear a web dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL), que é a primeira páxina web dos equipos de normalización lingüística coordinados dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A web dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dá acceso a recursos, ferramentas, formación, información, etc. tamén de interese e aplicación no eido educativo.


Máis información na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística

2008 Caixa Galicia. Todos los derechos reservados.
bottom